Thursday 02 de May de 2024

Inés Rey pon en valor a fortaleza do sector audiovisual galego e o apoio e respaldo que recibe na Coruña


A alcaldesa presidiu a clausura da XVII edición do I+P, Ideas para Producir, que contou cun cento de profesionais do sector

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu a clausura da XVII edición do I+P, Ideas para producir, un evento organizado polo Concello da Coruña e o Clúster Audiovisual Galego que contou coa participación dun cento de profesionais do audiovisual de toda España.

Trátase dun foro profesional, consolidado a nivel nacional, dedicado a exposición de proxectos audiovisuais que ten como obxectivo reunir a produtores, guionistas e directores que teñan un proxecto para cine ou televisión e que precisen alianzas empresariais de cara á súa coprodución, venda ou distribución. Durante a mañá proxectáronse 18 proxectos de cine e televisión ante un panel de expertos conformado por responsables de contidos de destacadas plataformas, canles de televisión, distribuidoras e produtoras do país, como Movistar Plus, Prime Video, Filmin, Warner Bros, RTVE, Atresmedia, Mediaset ou Filmax.

Inés Rey destacou o importante papel que xogan este tipo de eventos para dar a coñecer novas propostas audiovisuais. “É unha honra para nós como cidade poder acoller xornadas como esta I+P, que amosan o compromiso da Coruña co sector audiovisual galego, co que mantemos numerosos vínculos como o recente Foro da Industria Galega do Audiovisual, celebrado na Cidade das TIC e que abordou o papel e as oportunidades que presenta a Intelixencia Artificial para o sector audiovisual”, apuntou a alcaldesa.

Rey lembrou durante a súa intervención que A Coruña é unha cidade pioneira para o sector audiovisual. “José Sellier foi pioneiro da cinematografía galega e o primeiro especialista español en traballar cunha cámara Lumière, hai máis dun século. No seu estudo de San Andrés foi onde se proxectaron, en 1897, as primeiras películas rodadas en España”, destacou.